SETEMBRO 2010
HISTORIA DE ESPAÑA
ORIENTACIÓNS: Os seguintes documentos serven de base para realizar unha composición sobre o desenvolvemento económico español no século XIX, centrando a atención na industria. Na redacción debes tratar as seguintes cuestións: Os contrastes e os desequilibrios rexionais; as características do desenvolvemento ferroviario; os sectores produtivos máisdestacados; valoración global do desenvolvemento decimonónico. Lembra que non se trata de responder a preguntas illadas, senón de realizar unha composición coherente e argumentada, e que na avaliación se terán en conta os coñecementos, a utilización dos documentos e a corrección da expresión escrita.
Doc.1.-En 1843, Jaime Balmes expoñía a escasa capacidade da capital do Estado para servir de motor do desenvolvemento económico español:
“Cabalmente temos en España un atranco gravísimo que inflúe máis do que se cre en paralizar o noso desenvolvemento e en facer inútiles os mellores desexos. A vida de España está nas extremidades; o centro está exánime, fraco, frío, pouco menos ca morto. Cataluña, as provincias Vascongadas, Galicia, varios puntos do mediodía, ofrécennos un movemento, unha animación da que non participa o corazón de España. Londres é digna capital da Gran Bretaña, París, de Francia; na actividade, na vida da que rebordan aquelas cidades vedes as indispensables condicións da cabeza dun gran corpo. En Madrid e en todos os arredores a longuísima distancia nada parello atoparedes. Nin agricultura, nin industria, nin comercio”.
Doc.2.-Lei Xeral de Ferrocarrís (1855):
“Art.6. Os particulares ou compañías non poderán construír liña ningunha (...) se non obtiveron previamente a concesión da mesma (...).
Art.14. As concesións (...) outorgaranse por termo de noventa e nove anos cando máis (...).
Art.19. Os capitais estranxeiros que se empreguen na construción de ferrocarrís ou en empréstitos para este obxecto quedan baixo a salvagarda do Estado e están exentos de represalias, confiscacións ou embargos por causa de guerra”.
Doc.3.-Produción de ferro coado en España, 1861-1900 (en millares de toneladas):
ANOS MÁLAGA SEVILLA OVIEDO BISCAIA OUTROS TOTAL
1861-65 12,43 2,22 1 3,17 11,73 6,10 45,65
1866-70 1,91 1,36 19,24 10,73 9,32 42,56
1871-75 3,08 1,38 24,90 8,72 7,45 45,53
1876-80 3,36 1,43 28,84 17,24 11,7 62,57
1881-85 1,51 1,38 40,08 76,71 11,91 131,59
1886-90 33,18 138,97 2,07 174,22
1891-95 44,30 ? 185,49
1896-1900 52,10 227,69 9,45 289,24
Doc.4.-Neste texto publicado en 1860 saliéntase a importancia da industria catalá:
“En España a palabra industria trae infaliblemente á memoria a palabra Cataluña. O principado é sen dúbida o núcleo da forza e riqueza industrial da Península; Barcelona é chamada por propios e estraños o Manchester da nosa querida patria (…). Non hai probablemente industria ningunha que non teña en Cataluña a súa representación (…). Sabadell e Terrassa adiantaron tan considerablemente na fabricación de las, que xa os seus artefactos chamaron a atención en exposicións nacionais e estranxeiras. Non menos progresou a cidade de Reus na industria de tecer a seda (…). Girona elabora en grandes cantidades papel continuo para imprimir e escribir (…).
As poboacións de Gracia, Sants, Sant Martí, Sant Andreu, Horta e Badalona, que parecen simplemente barrios anexos á capital do principado, son outras tantas poboacións fabrís, nas que a industria se atopa tan adiantada coma na mesma metrópole”.
Doc.5.-O historiador Gabriel Tortella valora así o esforzo industrializador na España do século XIX:
“Hai no século XIX español un número elevado de esforzos a prol da modernización do país. Por unha banda temos os esforzos privados da clase empresarial catalá por crear unha base industrial no principado. Por outra están os repetidos intentos progresistas por sentar as bases políticas e lexislativas dunha sociedade moderna, é dicir, industrializada e tecnificada. O século XIX non foi en España de absoluto estancamento: en Cataluña, e en especial en Barcelona, desenvolveuse unha notable industria; o país levou a cabo a desamortización e a construción da rede ferroviaria; reformouse a educación, o sistema monetario e bancario, os impostos; instituíuse definitivamente o orzamento; sentáronse as bases da industria siderúrxica, etc. Pero en total a tan cacarexada revolución industrial non tivo lugar”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario