MODELO EXAMEN RELACIONES IGLESIA ESTADO 2001
Os seguintes documentos permiten a realización dunha redacción que teña por tema central as relacións entre a Igrexa e o Estado dende a implantación do liberalismo na década de 1830 ata a guerra civil. Dende a inicial confrontación que a liquidación do Antigo Réxime supón, e que exemplifica a desamortización (Doc.1), as relacións Igrexa-Estado serán cambiantes, en función do carácter conservador ou progresista dos distintos gobernos e réximes políticos; en liñas xerais, nos períodos de predominio conservador o poder político favoreceu á Igrexa, facéndolle importantes concesións e buscando o seu apoio (Doc.2), ocorrendo o fenómeno contrario en momentos como a Segunda República (Doc.3). A Igrexa, pola súa parte, non agachou as súas simpatías en momentos especialmente críticos, como a guerra civil (Doc.4), apoiando sen matices ó bando sublevado. Lembra que debes contextualizar os documentos e referirte ós seus contidos ó longo da túa exposición, pois non se trata de elaborar o tema de referencia á marxe das fontes propostas.
Doc.1.-Desamortización (1836):
“Art. 1º. Quedan declarados en estado de venda dende agora tódolos bens raíces de calquera clase que pertencesen ás comunidades e corporacións relixiosas extinguidas (...)”.
Doc.2.-Constitución de 1845:
“Art. 11. A Relixión da Nación Española é a Católica, Apostólica, Romana. O Estado obrígase a manter o culto e os seus ministros”.
Doc.3.-Constitución de 1931:
“Art. 3. O Estado español non ten relixión oficial (...). Art.26. (...) O Estado, as rexións, as provincias e os municipios non manterán, favorecerán, nin auxiliarán economicamente ás Igrexas, Asociacións, e Institucións relixiosas. Unha lei especial regulará a total extinción, nun prazo máximo de dous anos, do orzamento do clero”.
Doc 4.-Carta colectiva dos bispos españois en xullo de 1937:
“Afirmamos, ante todo, que esta guerra foi provocada pola temeridade, os erros, se cadra a malicia ou a covardía de quen puideron evitala gobernando a nación conforme á xustiza (...). Foron os lexisladores de 1931, e logo o poder executivo do Estado coas súas prácticas de goberno, os que se empeñaron en torcer bruscamente a rota da nosa historia nun sentido totalmente contrario á natureza e esixencias do espírito nacional, e especialmente opostos ó sentido relixioso predominante no país (...). A guerra é pois un plebiscito armado (...), loita cruenta dun pobo partido en dúas tendencias: a espiritual, do lado dos sublevados, que saiu en defensa da orde, a paz social, a civilización tradicional e a patria, e moi evidentemente nun grande sector para defensa da relixión; e doutra parte a materialista, chámese marxista, comunista ou anarquista, que quixo substituir a vella civilización de España (...) pola novísima “civilización” dos soviets rusos”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario